17-11-2021O Museo Etnolóxico de Ribadavia acolle os deseños do referente da arte moderna portuguesa José de Almada NegreirosO Museo Etnolóxico de Ribadavia acolle os deseños do referente da arte moderna portuguesa José de Almada NegreirosO secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da mostra, enmarcada no proxecto Nortear a prol do reforzo dos vínculos artísticos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal Expóñense tintas chinesas orixinais realizadas para o libro Fábulas de Joaquim Manso, así como unha reducida escolma de traballos destinados á ilustración doutras obras do mesmo autor O Museo Etnolóxico de Ribadavia acolle desde hoxe a exposición Fábulas de Almada Negreiros, composta por diferentes ilustracións do referente da arte moderna portuguesa José de Almada Negreiros. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou esta tarde na inauguración da mostra, enmarcada no proxecto transfronteirizo Nortear, que busca reforzar os vínculos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal arredor das manifestacións artísticas. Na exposición, móstranse 49 tintas chinesas orixinais, realizadas en 1936 para ilustrar o libro Fábulas, do escritor e xornalista Joaquim Manso, con dirección gráfica de Luís de Montalvor. Pódese ver tamén unha reducida e delicada escolma de ilustracións deseñadas para as obras O pórtico e A nave, do mesmo autor, con quen Almada se asocia para outras publicacións alternativas e excepcionais. Trátase de pezas procedentes do Museo do Abade de Bacal, da localidade portuguesa de Bragança, e poderán verse en Ribadavia ata marzo do vindeiro ano. Para o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a mostra representa unha oportunidade única de achegarse a un “referente imprescindible da cultura portuguesa do século XX”, que foi quen de desenvolverse en múltiples facetas artísticas, cuestionándose constantemente as fronteiras entre as artes. A iniciativa ofrece un conxunto de gran riqueza plástica que constitúe “un eloxio á liña e ao virtuosismo artesanal do debuxo”, engadiu. No acto participaron, entre outros, a directora rexional de Cultura do Norte, Laura Castro, e o secretario da Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Xosé Lago. Proxecto Nortear A iniciativa forma parte das actividades integradas no proxecto transfronteirizo Nortear, desenvolvido en colaboración pola Xunta, a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Neste marco de acción prevense tamén dúas sesións de conversas entre os escritores Juan Tallón, de Ourense, e Ivo Machado, de Portugal. A primeira delas será o vindeiro mércores 17 na Escola Oficial de Idiomas ourensá e a segunda, o día 24 deste mes en Chaves. Ademais, o 27 de novembro, no marco do Culturgal, terá lugar a entrega do premio literario Nortear ao escritor e xornalista Pedro Rodríguez Villar, do concello pontevedrés de Nigrán. Neste mesmo contexto, inaugurouse a comezos do mes a exposición Noroeste Cuarta Oeste na localidade portuguesa de Resende. A mostra con fragmentos narrativos, escénicos ou fílmicos percorreu tamén nos últimos meses os centros bibliotecarios xestionados pola Xunta, deixando ver a solidez e coherencia dun universo creativo e as continuidades dos imaxinarios xeográfico e cultural a ambas as dúas beiras do Miño. Departamento: C. de Cultura, Educación e Universidade
Consellería de Cultura, Educación e Universidade |
http://www.edu.xunta.gal/portal/
[Fonte: www.lingua.gal]
https://sephatrad.blogspot.com/2021/11/o-museo-etnoloxico-de-ribadavia-acolle.html |