10-01-2006 O País dos Nevoeiros Ângelo Brea (galego ) Editorial A Coruña. Edicións Espiral Maior, 2005
Entrevista a Ângelo Brea, autor da obra “O País dos Nevoeiros”, ao jornal espanhol 'La Voz de Galicia' (de Acrunha ou Coruña), edição de Santiago de Compostela.
«Utilicei Compostela como núcleo temático central» Entrevista | Ângelo Brea
O PAÍS DOS NEVOEIROS: Este volume inicia un proxecto que contempla tres novos libros, todos con 91 poemas, como homenaxe a Pondal, a Horacio e a Petrarca, afirma o autor. En 1989 publicou 'Livro do Caminho', tamén con presenza marcante da sua Compostela natal. Este novo traballo, de 140 páxinas, editado por Espiral Maior, foi elaborado «entre 1994 e o 2005» e consta de 91 poemas, que aparecen «por orde cronolóxica», segundo explica; alén dun «Prelúdio» e un «Glossário», contributo de Antonio Gil Hernández.
-A clasificación cronolóxica, en lugar de por temas, permite ver mellor a evolución da propia poesía. É un libro unitario e desde o primeiro momento sabía que ían ser 91 poemas, en homenaxe a Pondal, que nos 'Queixumes dos Pinos' [EDITADO POR ÂNGELO BREA] tamén fixo esa cifra. A relación con Pondal está en que tamén investiguei a literatura e a mitoloxía irlandesas, ou no paisaxismo.
-Non obstante, este poemario é moi de Compostela. -Utilicei Compostela como núcleo temático central. Santiago é un tema recorrente na miña poesía, considero que é un elemento simbólico. Aínda que nos poemas tamén hai paisaxes da Costa da Morte ou dos Ancares; e poesía social, o problema da construcción da patria e da lingua. Pondal procuraba unha lingua depurada, e eu tamén o tentei, en especial no léxico. E merece destaque o poema que dedico a Jenaro Marinhas, de cando a súa morte.
-Sorprende o rigor formal: a medida, a rima... -O que máis me interesou foi que cada verso tivese o seu ritmo ben marcado. Hai decasílabos galego-portugueses, alexandrinos, e ás veces hexasílabos con hendecasílabos combinados, para lle dar maior carga clásica, culta; e acentos correctos. Tamén busquei nas fontes da literatura galego-portuguesa e provenzal sistemas métricos novedosos; fixen mesmo unha sextina. E tentei adaptar algunhas estrofas clásicas á nosa métrica, para demostrar que é posíbel por máis que se teña dito o contrario, como fixeron Byron, Goethe, Hölderin e outros en diferentes literaturas. O máis laborioso foi adaptar o hexámetro greco-latino, tardei moitos meses, e penso que no último poema do libro esta conseguido.
-¿Terá continuidade este poemario? -Este é o primeiro libro dun proxecto de catro, o que é unha homenaxe a Horacio. Cada un terá 91 poemas, máis unha introducción, para facer unha homenaxe a Petrarca polos 365 poemas do seu Cancioneiro, de onde utilizo varios esquemas métricos. Manterá o título en todos eles. Supoño que tardarei uns vinte anos en finalizar. Xa comecei a segunda parte, que espero estará pronta en cinco ou seis anos.
-¿Por que utiliza o portugués na escrita? -Porque, alén de dar un gran rigor técnico e métrico, formalmente quixen utilizar a lingua máis depurada. E o galego-portugués mais depurado é o portugués actual. Defendo a tese da reintegración lingüística do profesor Carvalho Calero.
-¿Como explica o título? - O PAÍS DOS NEVOEIROS é como defino eu, simbolicamente, a Galiza.
http://www.lavozdegalicia.es/ed_santiago/noticia.jsp?CAT=123&TEXTO=4393978
|