Iclas - Instituto de Culturas Lusófonas
Antonio Borges Sampaio


05-09-2016

Xosé Henrique Monteagudo Romero: O galego deriva directamente do latín e o portu


 

{ Esteiro (Muros), 1959 } Xosé Henrique Monteagudo Romero, sociolingüista, profesor titular de Filoloxía Galego e Portuguesa na Universidade de Santiago (USC) e secretario da Real Academia Galega

FOTO: Arquivo ECG

FOTO: Arquivo ECG

 

LUIS POUSA SANTIAGO  | 05.09.2016 

A historia intelectual do concepto “séculos escuros”, de decadencia do idioma galego na dimensión cultural e mesmo científica, pode construirse á marxe  das ideoloxías?
En absoluto. O propio concepto de “séculos escuros” é un concepto ideolóxico: depende da construción dun determinado discurso sobre a historia da lingua e a literatura galegas.

“Séculos escuros”  é un período comprendido entre dúas etapas de luz, unha anterior e outra posterior. Cales, no caso concreto do idioma galego?
A anterior é a medieval, sobre todo, a lírica trobadoresca galego-portuguesa. Hai que ter en conta que esta só foi adiviñada por Sarmiento (no século XVIII) e comezou  a ser coñecida no último cuartel do século XIX, mercé ao descubrimento e edición dos cancioneiros custodiados en Italia.  A etapa posterior é o Rexurdimento, que só toma corpo no último terzo do século XIX. É por iso que a noción de “séculos escuros” só se define con claridade na época das Irmandades da Fala, isto é, cando xa existe un coñecemento e unha valoración asentados da importancia tanto  da lírica medieval canto da literatura galega rexurdimentista.

Nos séculos XVI, XVII e XVIII non existía unha tradición literaria en galego merecente de tal nome?
Efectivamente: existen textos literarios en galego (moi escasos), pero non existe unha conciencia dunha tradición literaria de noso, nin existe unha vida literaria galega específica (ou, se se prefire, un sistema literario propio) nin está constituído un público galego como tal. Cada un dos autores deses textos traballa con descoñecemento dos textos previos, e coa idea de producir un texto destinado a unha circunstancia concreta, sen mirar nin cara o pasado (a tradición) nin cara ao futuro.

A literatura moderna galega é un “invento” de Martín Sarmiento?
Eu diría mais ben que o que é un “invento”  de Sarmiento é  a lingua galega. Evidentemente, non un “invento” no sentido dunha fabricación desde a nada, caprichosa ou con intención enganosa; senón no sentido de definir como “lingua” un conxunto de modalidades lingüísticas que  antes non estaba definido como tal, senón como “dialecto”, e, ao mesmo tempo, reivindicar para esa lingua un pleno recoñecemento, isto é, defendendo a súa dignidade e a lexitimidade dun determinado estatuto sociocultural. O que eu denomino “invención” do galego por parte de Sarmiento implicou afirmar o galego en primeiro lugar, e, sobre todo, fronte ao castelán, ao que o galego estaba subordinado nos aspectos político, social e cultural, e en segundo lugar, fronte ao portugués. pois non é unha variedade deste idioma. senón que, segundo el, o seu “pai”.   

Comparte as reflexións de Sarmiento de que o idioma galego non é un dialecto do castelán senón do latín e é o pai do portugués?
Coido que iso hoxe non se pode discutir seriamente. Ninguén cuns mínimos coñecementos filolóxicos pode ignorar que o galego deriva directamente do latín traído a Galicia despois da conquista romana, nin que o portugués deriva do galego falado primitivamente a ambas beiras do río Miño, no territorio do actual Portugal septentrional (Galicia bracarense) e do dominio galego estrito de hoxe (a Galicia lucense), aproximadamente desde o río Douro ata a costa cantábrica. Cos avances do Reino de Portugal cara ao sur a partir dos mediado dos século XII, este idioma espallouse polo territorio do actual Portugal central e meridional. A bifurcación do galego primitivo ou medieval  (que desde o século XIX deu en denominarse “galego-portugués”) no que acabarían sendo o galego e o portugués modernos comezou  a finais do século XIV. Ao longo dos séculos XV e XVI produciuse unha auténtica “desgaleguización”  do idioma en Portugal, sobre todo a partir dos centros culturais de Coimbra e Lisboa. A evolución posterior, tanto do galego como do portugués, acentuou esa deriva diverxente.

O “silencio literario”  de Galicia foi algo planificado pola coroa?
Eu non o diría dese xeito. A coroa e a corte de Castela mantiveron desde finais da Idade Media unha política de promoción do castelán, converténdoa en lingua administrativa única e fomentando o seu prestixio e o seu cultivo. Esa política contribuíu decisivamente ao silencio literario do idioma galego, pero Galicia non estivo literariamente calada de todo durante os séculos XVI a XVIII, pois aquí escribiuse e publicouse literatura en castelán (aínda que certamente escasa) e en latín (moito menos importante) e, por suposto, houbo galegos que tamén o fixeron fóra de Galicia. O “silencio literario de Galicia” é unha metáfora que expresa bastante acaidamente a precariedade e o baixo nivel da vida literaria en Galicia durante  aqueles séculos. 

En contra do que sostivo reiteradamente Ramón Menéndez Pidal, o castelán foi imposto en Galicia?
Sen dúbida. Pidal non tiña ningunha razón de soster que a expansión do castelán se producira pola propia forza “interior” do idioma (esa é unha noción incomprobable) ou que o factor clave fora o seu prestixio literario (este podería explicar a súa adopción como lingua literaria de certas elites, pero non a súa extensión como lingua falada de  sectores sociais amplos). Pola contra, Pidal tiña bastante razón ao soster que esa expansión non foi exclusivamente consecuencia dunha imposición política. Foi un proceso complexo, en que entraron en xogo diferentes factores (políticos, sociais, culturais, demográficos e económicos), con máis ou menos peso segundo o momento histórico.

A creación da Real Academia  Galega institucionalizou a lingua e literatura galega nun Estado centralista?Contribuiu a facelo, pero, en realidade,  ese proceso de institucionalización foise dando por etapas ao longo do século XX, grazas ao esforzo de distintos axentes sociais, políticos e culturais.

http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/xose-henrique-monteagudo-romero-galego-deriva-directamente-do-latin-portugues-deriva-do-galego/idEdicion-2016-09-05/idNoticia-1015282/