Iclas - Instituto de Culturas Lusófonas
Antonio Borges Sampaio


17-05-2022

Descubrindo as pegadas da comunidade galega en Lisboa da man do Movemento Aú


O Movemento Aú deu inicio neste ano 2022, tras a recuperación no pasado 15 de xaneiro da festa tradicional galega de Amaro Navegante, na freguesía de Santo Amaro, que levaba 111 anos sen se celebrar.

No Largo do Carmo, Movemento Aú en Lisboa             No Largo do Carmo, Movemento Aú en Lisboa

O Movemento Aú realizou un percorrido ás 16h30 este pasado sábado cun grupo de 60 persoas polo centro de Lisboa para falar da historia da comunidade galega nesta cidade

A subir e a baixar as típicas costas alfacinhas, explicaron como a presenza da Galiza é fundamental para entender a evolución da capital portuguesa "xa desde o século XII e cunha forza especial no XVIII e na primeira metade do XIX, cando 20% da poboación lisboeta chegou a ser directamente galega; neses momentos, se a comunidade galega parase a súa actividade, Lisboa pararía".

Alberte Campos e Carlos Callón foron os representantes do Movimento Aú que guiaron o roteiro. 

No inicio do seu percorrido, explicaron a razón do nome do colectivo e todas as persoas participantes rodearon as bocas coas súas mans para exclamaren un sonoro "Aúuu!". 

O son ten a orixe entre 1700 e 1850, cando uns 3.000 galegos encargábanse de levar a auga polas casas en Lisboa. Cando chegaban a unha rúa gritaban: "Auuuuuga fresquiña! Auga! Aúuuuuu!", de maneira que este último grito se terminou por converter nun distintivo.

Durante o percorrido detivéronse a falar da importancia da emigración galega no mundo da restauración. "Podémolo ver na historia de moitos restaurantes e bares, mais tamén en aspectos tan emblemáticos como a ginjinha, que é considerada a bebida máis típica de Lisboa, mais que foi creación dun galego: Francisco Espiñeira Couziño", sinala Alberte Campos. "Ademais, hai restaurantes de galegos que foron clave para algúns movementos fundamentais da literatura portuguesa, como o antigo Irmãos Unidos do Rossio, onde naceu a revista Orpheu dirixida por Fernando Pessoa", explica Callón. "Ademais, un dos fundadores desta publicación e familia dos donos do restaurante, foi o poeta galego-portugués Alfredo Guisado, que dedicou algúns dos seus textos a Castelao, colaborou co agrarismo e co nacionalismo galego e tentou impulsar un Banco Galiza-Portugal", observa.

As persoas que participaron no roteiro tamén repetiron a coro as primeiras palabras que, segundo as crónicas, dixo Fernando I, o último rei común galego-portugués, cando foi recibido con grande apoio popular na cidade da Coruña. Este monarca está enterrado no Convento do Carmo.

No percurso falouse tamén dunha grande dama do teatro portugués, Manuela Rey, nada en Mondoñedo; de como Celeste Caeiro -filla dun casal galego- foi a que distribuíu as primeiras flores que deron nome á Revolução dos Cravos; dos nomes de rúas que foron distintivos da comunidade galega e moito máis. Como concluíu Alberte Campos, "mulleres e homes de Galicia teñen un papel destacado en todos os grandes momentos da Historia de Portugal e da Historia de Lisboa".

O Movemento Aú deu inicio neste ano 2022, tras a recuperación no pasado 15 de xaneiro da festa tradicional galega de Amaro Navegante, na freguesía de Santo Amaro, que levaba 111 anos sen se celebrar

O colectivo quere agradecer o asesoramento de persoas que lles achegaron información para a elaboración deste percorrido e para as súas actividades de recuperación da memoria galega en Lisboa, em especial a Isaac Lourido, Carme Saborido, Xurxo Souto, Gabriel André e Elias Torres.

 

[Imaxe: Movemento Aú - fonte: www.galiciaconfidencial.com]